CALDAS> Caldas de Reis inaugura o Xardín Botánico e a Carballeira trala súa rehabilitación. A intervención permitiu recuperar, modernizar e poñer en valor este espazo, un dos principais atractivos turísticos da vila. A intervención foi financiada con fondos europeos e contou cun investimento de 1,4 millóns de euros.
Caldas de Reis reabre o Xardín Botánico e a Carballeira convertidos nun auténtico Museo Aberto 24/7. É o nome do proxecto que o concello deu á rehabilitación deste espazo.
O proxecto está baseado no concepto de museo aberto todo o ano e accesible as 24 horas do día. Na intervención destacan a rehabilitación integral do parque, a creación dun Centro de Visitantes, a dixitalización da experiencia e un evento nocturno de videomapping no Paseo dos Plátanos.
O concello retirou especies invasoras e plantou 74 novos carballos e exemplares que estiveron no Botánico hai anos. Tamén reformou o Parque dos Choróns, renovou o mobiliario urbano, como bancos e farolas, e ten previsto instalar unha nova estatua dedicada a Francisco Alcarraz, o deseñador do Botánico orixinal en 1884. Ademais, instalouse unha nova iluminación ornamental.
A intervención contou cun investimento de 1,4 millóns de euros que foron financiados con fondos europeos a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Hoxe foi a inauguración institucional pero o concello quere levar a festa a toda a veciñanza. Mañá sábado celebrarase un acto festivo e informativo para que a cidadanía poida coñecer as obras que se realizaron nestes últimos meses. Haberá visitas guiadas, charlas informativas, xogos para cativada e un concerto da Banda de Música de Caldas.











