CALDAS> As obras de dinamización da Carballeira de Caldas encaran a súa fase final. Hoxe visitou os traballos o subdelegado do Goberno en Pontevedra. Abel Losada recordou que o proxecto se financia cun importe de 1,45 millóns de euros adxudicados polo Ministerio de Industria.
A restauración da Carballeira de Caldas, catalogada como Ben de Interese Cultural, encara a súa fase final.
Ademais da restauración integral do BIC, o proxecto inclúe o deseño dunha experiencia turística atractiva, a monitorización intelixente da contorna, a apertura dun centro para o visitante, a mellora da sinaléctica e os accesos, a implantación de enerxía solar, un sistema de xestión integral e accións de comunicación e participación social.
A intervención está a financiarse cunha achega de 1,45 millóns de euros do Ministerio de Industria e Turismo, no marco do Programa de Mellora da Competitividade e Dinamización do Patrimonio Histórico con uso Turístico. Así as cousas, dende o concello sinalan que das melloras neste espazo gozarán tamén os caldenses.
Na provincia de Pontevedra tamén recibiu unha achega desta liña do Ministerio o Castelo de Soutomaior, pertencente á Deputación. Neste caso, acadou os 2,5 millóns de euros.








