RIBEIRA> Ducias de persoas concentráronse ás portas do Hospital do Barbanza para denunciar o incremento das listas de agarda. Denuncian que os datos publicados polo SERGAS son ficticios posto que non se contemplan as citas para revisións que acumulan esperas de máis de dous anos nalgunhas especialidades.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza reclama transparencia nas listas de agarda. Con esta concentración, celebrada a mediodía ás portas do hospital do Barbanza, denuncian que Sanidade maquilla as cifras reais posto que as listas tan só se elaboran coas primeiras citas sen ter en conta as segundas para revisión.
Esta concentración vén precedida dunha campaña de recollida sinaturas. En febreiro entregáronse máis de 3200 firmas e se teñen solicitado dúas xuntanzas coa xerente da área sanitaria sen recibir resposta.
Ademais das demoras para as citas con especialistas, os manifestantes lembraron a precaria situación da atención primaria con casos como o do centro de saúde de Aguiño, actualmente sen médicos.











