Ribeira aproba por unanimidade un creto de 118 mil euros para o financiamento do Bono Comercio

RIBEIRA> A sesión de onte iniciouse gardando un minuto de silencio polo falecemento de Francisco Sieira, concelleiro do Partido Popular na corporación municipal durante 24 anos, que falecía estes días ós 81 anos.

Posteriormente xuraba o cargo coma novo edil, Rubén Lijó, do PP, en substitución de Estrella Franco.

O pleno continuou logo coa aprobación dun creto extraordinario por importe de 118 mil euros que o Concello destinará a financiar unha nova edición do Bono Comercio para este Nadal.

No pleno de onte aprobouse por unanimidade tamén a encomenda de xestión á Mancomunidade Barbanza Arousa para a realización das accións e tramitacións das licitacións recollidas na solicitude da axuda TUR-CAMINO, procedentes de fondos europeos concedidos coa finalidade da dixitalización e mellora turística dos destinos da Mancomunidade.

Tamén se aprobou por unanimidade o cambio de denominación da Unidade de Atención a Drogodependentes, que pasará a denominarse a partir de agora  Unidade de Condutas Aditivas, atendendo a unha proposta do concelleiro delegado de Sanidade, Juan Luis Furones.