VILAGARCÍA> Visita do conselleiro de comercio á tenda de Arroupa en Vilagarcía. José González puxo en valor este proxecto impulsado por Cáritas Diocesana de Santiago que foi distinguido co galardón de Comercio Sostible na última edición dos Premios do Comercio Galego. Unha iniciativa que integra inclusión social, inserción laboral e actividade comercial.
En Vilagarcía de Arousa, Cáritas Diocesana de Santiago é a encargada de converter a roupa usada en oportunidades de emprego. Faino a través do seu proxecto Arroupa, que conta cunha tenda na vila arousá.
Ata este establecemento achegouse hoxe o Conselleiro de Comercio. José González puxo en valor este proxecto e o traballo que leva realizando dende hai unha década, e que foi distinguido co galardón de Comercio Sostible na última edición dos Premios do Comercio Galego.
Baixo a súa marca, Arroupa integra inclusión social, inserción laboral de persoas en risco ou situación de exclusión e actividade comercial, cun impacto positivo tanto social como ambiental. Actualmente dá traballo a 35 persoas en toda Galicia.
En Vilagarcía, son os encargados de xestionar o téxtil que remata nos colectores que se reparten pola vila. Unha colaboración que funciona dende hai anos e que contenta a todas as partes.
López lembrou que mañá o DOG publica a convocatoria das axudas 2026 ás empresas de inserción, dotadas con 1,5M€, destinadas a cubrir custos salariais e os gastos adicionais derivados da contratación de persoas en situación de exclusión. Estímase que poderán beneficiarse 17 empresas, que darán emprego a arredor de 170 persoas.











