RIBEIRA> A Garda Civil desartellou un grupo criminal especializado en fraudes de contratos de telefonía e compravenda de dispositivos electrónicos. Estaba integrado por once persoas asentadas en Santiago e Ribeira. Sete delas xa foron detidas.
A Operación Torino, desenvolvida pola equipo@Garda Civil da Coruña, saldouse con sete persoas detidas e outras catro pendentes de arresto. A este grupo criminal, asentado en Santiago e Ribeira, se lle atribúe máis de medio cento de feitos delitivos relacionados coa usurpación da identidade en diversas provincias para crear ata 141 liñas telefónicas de forma fraudulenta e adquirir 132 terminais móbiles cun valor estimado de 26 mil euros.
A investigación iniciouse trala denuncia presentada por unha operadora de telefonía que reportou numerosas reclamacións de clientes afectados. Tras meses de pescudas, o equipo especialista en ciberdelincuencia da Garda Civil da Coruña indetificou ós integrantes deste clan familiar. A través de redes sociais e plataformas de compravenda de produtos entre particulares enganaban ás súas vítimas para obter os seus datos persoais que posteriormente utilizaban para contratar servizos e adquirir teléfonos de alta gama que despois revendían.
Entre as vítimas figuran afectados de diversas provincias de toda España; entre elas Alicante, Granada, Málaga, Girona, Madrid, Lugo ou Pontevedra. Os detidos están acusados de varios delitos de usurpación de identidade, branqueo de capitais, estafa continuada e falsidade documental.
Dende a Garda Civil lembran a importancia de protexer os datos persoais e verificar a seguridade das transaccións realizadas a través de internet, en especial nas redes sociais e plataformas de compravenda.











