O goberno central devolve a titularidade da Casa do Mar de Cabo de Cruz ó concello de Boiro

BOIRO> A xestión da casa do Mar de Cabo de Cruz volve a ser competencia do concello de Boiro. Co acto de entrega das chaves simbolizado esta mañá polo delegado do goberno en Galicia e o alcalde de Boiro faise efectivo o traspaso

O delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco, desprazouse esta mañá ata Cabo de Cruz para entregar as chaves da Casa do Mar da localidade ó alcalde de Boiro. Este acto simbólico supón o traspaso do inmoble, dous anos antes de que vencera o acordo de cesión por 30 anos, asinado en 1986 polo Ministerio de Inclusión e o concello.

Unha vez que se fixo efectiva a cesión, o concello procederá á reforma do inmoble para uso da veciñanza. Este proxecto de remodelación suporá un investimento próximo ós 400 mil euros.