VILAGARCIA> Falece un repartidor de comida a domicilio nun accidente de tráfico en Vilagarcía. A moto na que circulaba bateu contra un taxi na recta de Rubiáns. A vítima tiña 37 anos. Ademais hai outra persoa ferida, un dos ocupantes do taxi, con prognóstico reservado. Este é o segundo accidente de tráfico mortal en Vilagarcía no que levamos de ano, logo do rexistrado o pasado venres nos Martices.
O ano arranca de forma tráxica nas estradas de Vilagarcía con dous sinistros mortais. O último, acontecía nas últimas horas na recta de Rubiáns. Un home de 37 anos falecía nunha colisión. A vítima era un repartidor de comida a domicilio. A súa moto bateu contra un taxi.
Ademais da vítima mortal, un dos ocupantes do taxi, un mozo de 20 anos, tivo que ser trasladado ao Hospital do Salnés con prognóstico reservado. O coche viría dende Vilagarcía e tería xirado para acceder a esta estación de servizo. En sentido de entrada á cidade viría o repartidor, impactando contra a porta do copiloto. Unha hipótese que agora investiga a Policía Local.
Pero este non foi o único accidente mortal que se rexistrou en Vilagarcía no que levamos de 2025. O pasado vernes unha saída de vía deixaba un falecido e dous feridos nos Martices, en dirección ao Pousadoiro.
Segundo os primeiros indicios, a vítima mortal tería sufrido a saída de vía logo de sufrir unha indisposición ao volante. Un extremo que está a ser investigado nestes momentos.











