A ILLA> A Illa de Arousa quere seguir ampliando a súa rede de paneis fotovoltaicos. O concello opta a poñer en marcha un proxecto que suporía a instalación de case 170 novos paneis, a repartir entre os tellados da casa consistorial e do museo da conserva. Son os derradeiros edificios municipais non que aínda non se instalou esta fonte de enerxía renovable. O plan iría máis alá porque pretenden que o excedente da produción poida destinarse a familias en risco de exclusión social.
A Illa de Arousa presume dende hai tempo en ser un dos concellos pioneiros na implantación de novas fontes de enerxía renovables. O goberno local quere seguir nesta liña cubrindo con paneis fotovoltaicos os dous edificios municipais que aínda non dispoñen deles. Son a casa do concello e o museo da conserva.
Porque ademais de prestar o servizo ao museo e ao consistorio,o plan contempla tamén que o excedente se poida destinar a outras necesidades municipiais como bombeos ou o alumeado público. Ao mesmo tempo, tamén se destinaría a veciños en risco de exclusión, coordinándose cos servizos sociais.
Este proxecto está orzamentado en algo máis de 105.000 euros. O concello traballa agora para financialo con 59.000 euros do IDAE e 22.000 da Deputación de Pontevedra, a través do Plan +Renovables. As arcas municipais só terían que asumir 23.000 euros.
O alcalde toma como exemplo o bo funcionamento da planta de paneis que teñen no tellado do auditorio.
Ademais do auditorio, a día de hoxe xa contan con paneis solares na Arousa outras instalacións como o colexio Torre Illa, na Galiña Azul e no campo de fútbol da Bouza, que ao mesmo tempo conta con baterías de litio para almacenar a enerxía. Tamén conta con este servizo a nave municipal de Testos que, ao mesmo tempo, xera electricidade para a ducia de vivendas que compoñen a primeira comunidade enerxética que hai na Illa.