Acordo na Illa: PsdeG e BNG pactan un goberno bipartito con Arosa como alcalde

A ILLA> Luis Arosa será o alcalde da Illa durante os vindeiros catro anos. O socialista estará á fronte dun goberno bipartito co BNG. Socialistas e nacionalistas facían público esta tarde o acordo. No Bloque, finalmente, acabaron cedendo na súa proposta dunha alcaldía rotatoria. Deste xeito, entenden dende o PSOE, cúmprese co acordo a nivel galego entre as dúas formacións para que a alcaldia vaia para a forza con máis votos. Neste caso, o PSOE, cunha diferencia de 39 papeletas.

Fumata branca na Illa de Arousa. Non haberá dúbidas no pleno de constitución da nova corporación municipal que se celebrará sábado. O candidato socialista Luis Arosa será investido alcalde e PSdeG e BNG gobernarán xuntos o concello cun programa que resulta da fusión de ambos..

O acordo é posible ao ceder o BNG nunha das peticións que poñía sobre a mesa, reclamando unha alcaldía rotatoria. Finalmente, explican os nacionalistas, pesou máis a súa vontade de chegar a acordos.

Polo demais, os dous candidatos aseguran que as negociacións foron sinxelas. Ambas forzas terán o mesmo número de concelleiros, 3. Os nacionalistas asumirán as áreas de Servizos, Economía, Facenda, Persoal, Cultura, Servizos Sociais, Xuventude, Igualdade, Educación e Mar. Os socialistas, pola súa banda, quedarán con Urbanismo, Tráfico, Formación e emrpego, Terceira idade, Obras, Medio Ambiente, Turismo e Deportes.

Nesta nova etapa, A Illa terá tres tenencias de alcaldía: a primeira estará ocupada polo candidato nacionalista, Manuel Suárez. A segunda recaerá na socialista Rosi Viana, mentres que a terceira dependerá do BNG, na persoa de Laura Castro. O que aínda non abordaron son as cuestións referentes ás liberacións.