POIO> A presión veciñal remata coa okupación dunha vivenda en Combarro, no concello de Poio. O pasado venres, dúas persoas entraran pola forza na casa, actualmente deshabitada e propiedade do Sareb.
Aínda que non tiveron problemas cos okupas, a preocupación foi estendéndose entre a veciñanza. Moitos temían que a vivenda se convertera nun foco de delincuencia; outros, que o episodio se repetira noutras casas deshabitadas da zona.
Hoxe os veciños concentránrose ás portas da casa para protestar pola okupación. Un centenar de persoas atenderon á convocatoria, durante a que se viviron momentos de tensión. Especialmente cando a muller saíu ao balcón da casa para gravar aos manifestantes.
Finalmente, un grupo de veciños conseguiu entrar na propiedade. Entre eles estaba o alcalde de Poio. Ángel Moldes falou cos dous okupas e convenceunos para abandonar a vivenda.
A parella marchou da propiedade nun taxi entre os apupos dos veciños alí concentrados. Moitos manifestaron o seu alivio. Entre eles, a propietaria da casa contigua.
Trala marcha dos okupas, a empresa de seguridade contratada polo Sareb e o representante do banco malo na provincia iniciaron o cambio das fechaduras e a instalación dun equipo de alarma e de portas de seguridade.











