MEIS> Tres escarapuchados asaltan unha casa en Meis para roubar. Aconteceu a primeira hora desta mañanciña, cando os donos da vivenda saían para traballar. Pistola en man, obrigaron á parella a entrar de novo na propiedade. Atáronos con bridas e obrigáronlles a entregar os cartos que tiñan. Tanto o home como a muller foron agredidos con violencia extrema e ela mesmo foi rociada con gasolina. Recupéranse do acontecido no hospital.
Eran as cinco e media desta madrugada cando tres homes encarapuchados asaltaban esta vivenda situada na parroquia de Paradela, en Meis, para roubar. Nese intre a parella que vive na casa saía para traballar. Foron abordados polos homes, que os obrigaron a regresar ao interior da vivenda.
Dentro da vivenda, os asaltantes, que portaban unha pistola, ataron con bridas a parella. Ambos foron brutalmente agredidos e a muller mesmo foi rociada con gasolina.
O subdelegado do goberno en Pontevedra amosaba esta mañá a súa consternación co acontecido. Cualifica de extrema violencia as escenas que se viviron dentro desta propiedade.
Tamén amosa a súa consternación con este episodio a alcaldesa meisina, que non agochaba hoxe a súa sorpresa ante feitos como estes.
Marta Giráldez apuntou tamén que esta mañá tentou contactar sen éxito co home agredido.
Un operativo da Garda Civil que se prolongou durante toda esta xornada en toda a contorna de Arousa na procura destes tres individuos, con controis policiais en distintos puntos da comarca. A media mañá os axentes abandonaban esta vivenda, como están a ver nas imaxes, con distintas bolsas que poderían conter probas ou indicios que axuden a coñecer máis detalles do móbil que se atopa detrás deste brutal asalto. Polo de agora non se descarta ningunha hipótese.











