RIBEIRA> Ribeira avanza na peonalización do casco urbano coa remodelación da rúa Mendiño. A obra, cun investimento de máis de cen mil euros, supuxo a dotación de plataforma única para favorecer a accesibilidade e a renovación de servizos.
A remodelación da rúa Mendiño que vén de concluír supón un novo paso para o novo modelo de cidade de Ribeira con espazos interconectados e preferencia para o tránsito peonil. Ademais de dotar de plataforma única esta vía, procedeuse á renovación das redes de saneamento, abastecemento e pluviais así como á creación de zonas verdes en toda a contorna co obxectivo de mellorar a imaxe desta zona comercial.
A actuación, que supuxo un investimento de 110 mil euros con cargo ós fondos Next Generation, terá continuidade en vindeiras fases conectando coa praza Uxío Novoneyra e rúa Otero Pedrayo no marco do proxecto de reforma integral iniciado tamén na praza do Centenario.
Dende o concello informaron ademais que se mellorará o tránsito de vehículos coa próxima apertura da rúa Barbanza que aliviará o fluxo de tráfico na avenida Miguel Rodríguez Bautista.











