Boiro destinará o millón de euros do POS+ 2025 da Deputación a gasto corrente

BOIRO> A corporación boirense celebrou onte pola noite a sesión plenaria con carácter ordinaria correspondente a este mes de xaneiro.

Entre os puntos da orde do día figuraba a aprobación do POS Adicional da Deputación da Coruña para este ano 2025.

Ó Concello correspóndenlle algo máis de 1 millón de euros, que vai destinar na súa totalidade ó financiamento do gasto corrente.

Ademais decidiu incluírse tamén unha obra para o Plan Complementario de 2025.

Trátase da mellora da rede de saneamento e a EDAR en Cures, unha actuación dun importe de preto dos 666 mil euros.

O punto saíu finalmente adiante con 10 votos a favor, os do equipo de goberno e Boiro Novo, e sete abstencións, dos edís do BNG e do Partido Popular.

Na sesión tamén se aprobou a renovación do texto do convenio do proxecto do ‘Parque Arqueolóxico da Idade do Ferro’ impulsado tamén pola Deputación da Coruña, e no que participan ademais dos catro concellos da Barbanza (Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo), Dodro e Porto do Son.

Foi aprobado tamén con 12 votos a favor: PSOE, BNG e Boiro Novo, e 5 abstencións, as do Partido Popular.