Aprobadas bases do concurso para a rehabilitación de Santa Clara, que roldará os 22 millóns de euros

PONTEVEDRA> Aprobadas as bases do concurso de proxectos para a rehabilitación do convento de Santa Clara, en Pontevedra. Dende a Deputación de Pontevedra, presidenta e vicepresidente destacaban esta mañá a relevancia da proposta que, consideran, vai xerar grande interese entre algúns dos mellores estudos de arquitectura do mundo. Os cálculos iniciais apuntan a que a rehabilitación roldará os 22 millóns de euros.

Xa está en marcha o concurso internacional do que sairá o proxecto de rehabilitación para o convento de Santa Clara. Hoxe a Deputación de Pontevedra aprobou as bases que regularán este procedemento.

Dende o goberno provincial destacan o forte atractivo do proxecto: supón actuar nun espazo emblemático que servirá para ampliar o Museo de Pontevedra e cunha convocatoria que está correctamente financiada dacordo cos estándares internacionais.

Das propostas iniciais, seleccionaranse cinco que recibirán 205.700 euros. Entre eles, o gañador recibirá máis dun 1 millón 700 mil euros para financiar o proxecto de rehabilitación e a dirección de obra. A intervención en si terá un orzamento aproximado de case 22 millóns.

Na primeira fase, os estudos terá un prazo de 30 días para presentar os seus portfolios. Deles escolleranse os 5 con mellor puntuación. Na segunda fase do concurso, terán que presentar anteproxectos de xeito anónimo nun prazo de tres meses. O gañador será escollido por un xurado que estará formado por doce especialistas, da Deputación e de fóra da institución.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí