PONTEVEDRA> Nin fraude nin prevaricación. O expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e a exalcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, negaron esta mañá durante o xuízo os delitos que se lles imputan nas obras de mellora do campo de fútbol de Moraña. As súas versións coinciden coas dos outros seis acusados, que negan a existencia da presunta trama corrupta pola que se tería tramitado de xeito irregular unha subvención de 86.000 euros.
O expresidente da Deputación de Pontevedra e a exalcaldesa de Moraña negaron calquera irregularidade na tramitación da subvención para a reforma do campo de fútbol do Buelo, no 2011 na vila morañesa. O fiscal entende que se aboou á construtora uns 86.000 euros por un presunto sobrecusto relativo a unhas obras executadas e non contratadas.
Esta postura foi a que mantivo Piñeiro na súa declaración, respondendo só ás preguntas do seu avogado. Rafael Louzán, pola súa banda, non prestou declaración. Ía contestar só ao interrogatorio do seu letrado, que optou por renunciar á testemuña. O expresidente provincial si falou ás portas do xulgado antes do inicio da vista.
As súas versións coincidiron coas dos outros seis acusados, que negaron a existencia de irregularidades na tramitación e pago das obras. Os oito están acusados do delito de fraude. Ademais, Rafael Louzán enfróntase a un suposto delito de prevaricación, no que tería como presuntos cooperadores, segundo a fiscalía, a Luisa Piñeiro, entre outros.
Dende o Ministerio Fiscal solicitan para Louzán e Piñeiro tres anos de cadea e nove de inhabilitación para emprego ou cargo público.