PONTEVEDRA> Os hoteis pontevedreses roldan esta fin de semana o 95% de ocupación. Os Premios Feroz tamén teñen impacto neste sector, máis que satisfeito coa pegada desta cita na cidade. E confirman a importancia destes eventos para desestacionalizar o turismo. A asociación de hoteleiros da cidade asegura que probas deportivas, congresos e eventos de todo tipo, sumados ao Camiño de Santiago, fan que para o sector hoteleiro pontevedrés non exista a tempada baixa.
A ducia de hoteis de Pontevedra que pertencen á Asociación de Hoteleiros da cidade están ao 95% da súa capacidade. Os Premios Feroz tamén deixan a súa pegada neste sector.
Pero dende a asociación matizan que o que está a acontecer cos Feroz é só un exemplo do dinamismo que vive o sector na cidade nos últimos anos. Algo que comezou, aseguran, co primeiro gran evento de tríatlon que acolleu Pontevedra.
Deste xeito, Patricia Sierra destacou a importancia destes eventos para desestacionalizar o turismo na cidade.
Ao impacto destas iniciativas que atraen centos de persoas á cidade hai que sumar o auxe do Camiño de Santiago. Unha das principais bases de ocupación hoteleira entre marzo e novembro.
O alcalde non agochou a súa satisfacción ante esta valoración da asociación de hoteleiros da cidade. Asegurou que non ter tempada baixa é un dos obxectivos aos que aspiran os concellos.











