O concello da Pobra licita o proxecto para dotar de saneamento o lugar de Ouxo

A POBRA> O concello da Pobra vén de sacar a licitación o proxecto de saneamento do lugar de Ouxo en Posmarcos. A actuación suporá un investimento de máis de 120 mil euros e dará servizo á totalidade das vivendas deste núcleo de poboación.

O concello da Pobra avanza na súa política de achegar os servizos básicos á veciñanza, especialmente no rural. Nesta liña, vén de sacar a licitación a instalación da rede de saneamento no lugar de Ouxo, na parroquia de Posmarcos.

O proxecto contempla a instalación dun colector de saneamento de PVC para recollera as augas de tódalas vivendas deste núcleo, conectando a nova rede coa canalización existente na Ribeiriña.

O investimento previsto supera os 120 mil euros e o prazo de execución será de tres meses dende o inicio das obras.