O SALNÉS> O proxecto de Anónimas Viticultoras, asentado no Salnés, premiado na Barcelona Wine Week. A iniciativa impulsada por Cristina Yagüe e María Falcón recibiu o recoñecemento de mellor novo proxecto nun dos salóns do viño máis importantes de España. Ademais de recoñecer a visibilización da muller no sector, o premio pon en valor tamén o traballo que están a facer na recuperación de variedades autóctonas.
A Barcelona Wine Week é dos salóns do viño máis prestixiosos dos que se celebran en España. Este ano a cita incorporou á súa proposta o novo premio Isabel Mijares de Mulleres do Viño, un galardón que busca poñer en valor o talento e liderado das mulleres dentro do sector. Un deses premios -o de mellor novo proxecto- veu para O Salnés, da man de Anónimas Viticultoras.
Cristina Yagüe e María Falcón levan dende o 2016 detrás desta iniciativa que agora, con este premio, colle aínda máis pulo.
Ademais de poñer en valor o talento e liderado da muller no sector, con este premio tamén se recoñece o traballo que están a facer en Anónimas a prol da recuperación de variedades autóctonas.
Outra das claves do proxecto, explican, é a súa filosofía colaborativa, tecendo laces con outras mulleres viticultoras doutras zonas.
Anónimas arrancou hai agora nove anos con apenas 700 botellas dun rosado de caíño. Ao ano seguinte adentráronse no mundo do albariño e a partir de aí adentráronse na Ribera Sacra e en Valdeorras. Agora acaban de dar o salto á Rioxa. Sempre da man doutras mulleres.
E conforme á expansión do seu proxecto, Cristina e María observan tamén como paseniñamente a muller gaña terreo e, sobre todo, nome propio dentro do sector.
Por iso, cren que premios como o que elas acaban de recoller en Barcelona serven para normalizar o papel da muller dentro do sector. O premio, por certo, leva o nome de Isabel Mijares. Natural de Mérida e falecida o ano pasado, foi a primeira muller enóloga, a primeira que dirixiu unha adega e a primeira que asumiu os mandos dunhas denominación de orixe en España, a de Valdepeñas.