Concello de Boiro e asociacións colaboran na organización do programa do entroido

BOIRO> Boiro volverá a vivir por todo o alto o seu entroido con citas para tódolos públicos. Ademais das actividades organizadas polo concello, co desfile de disfraces á cabeza, destacan as citas promovidas polas asociacións como a Festa da Orella de Porco da Boliña ou o festival das peñas.

O xoves de abadesas en Cabo de Cruz abrirá a programación do entroido o día 27 trasladándose ás rúas de Boiro o venres con charanga e animación musical pola rúa peonil. O sábado 1 de marzo será a xornada máis completa coa festa da orella de porco da Boliña que comezará ás sete da tarde no Campo de Revelar.

Tras degustar esta ampla e variada oferta de produtos do entroido, os boirenses teñen outra cita a partir das once da noite na praza do concello. A asociación Peñas Boiro volve organizar esta festa nocturna coa actuación de Euforia Discomóbil.

O domingo estará dedicado ós máis cativos co concurso infantil mentres que o martes de entroido tocaralle ós adultos que poderán participar no desfile de disfraces individuais, por parellas ou en carrroza.