Chamamento para que as familias matriculen á rapazada na unitaria de Aios

SANXENXO> A unitaria de Aios busca máis rapazada. A escola, situada no rural de Sanxenxo, conta con 13 pequenos. Cinco deles van marchar ao rematar este curso, polo que no centro fan un chamamento ás familias da zona para que matriculen aquí aos seus fillos e fillas.

Cada día é unha aventura nesta escola de educación infantil de Aios. Nesta unitaria de Sanxenxo estudan e medran como persoas 13 alumnos de 3 a 5 anos. Pero ao rematar este curso cinco deles xa terán que ir ao cole dos maiores.

No centro fan un chamamento ás familias da contorna para que aposten polo modelo educativo que se ofrece neste tipo de escolas. A continuidade do centro a curto prazo está garantida porque superan con creces o mínimo de 5 esixido pola Xunta, pero aquí xa están pensando no que pode acontecer dentro de tres anos.

Esta unitaria leva máis de 40 anos aberta. Aquí veu á escola practicamente todo o mundo na zona. Como Andrea, alumna noutrora que agora ten aquí escolarizada á súa filla.

Porque aquí a educación vívese doutro xeito, creando comunidade xa dende cativiños, con apego á contorna e ao medio que nos está vendo medrar. 

As familias e a mestra aproveitan para convidar ás familias da contorna, mesmo de parroquias próximas ou concellos lindeiros a que se acheguen ata Aios ver como é o día a día do cole. Están convencidas que despois de coñecer o espazo, non terán dúbidas en matricular aquí aos seus pequenos.

Romina leva aquí tres cursos. Namorada do rural e desta escola, di que vai ir a por todas.

A de Aios é a derradeira unitaria que segue operativa en todo o concello de Sanxenxo.