PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra prepara unha batería de proxectos para optar aos fondos europeos do Plan de Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local, os EDIL. A intención do goberno é optar á contía máxima de subvención, que acada os 20 millóns de euros. Incluirá na súa proposta actuacións en tres barrios, dirixidas a transformalos aplicando os mesmos parámetros que no centro da cidade. Son proxectos para Monte Porreiro, para A Seca e Valdecorvos e para A Parda.
O concello de Pontevedra perfila os proxectos cos que concorrerá á convocatoria de fondos europeos dos Plans de Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local, EDIL. Como máximo, podería conseguir ata 20 millóns de euros de financiamento, dos cales 8 terían que ser achegados polo concello.
Neste marco, o concello encaixa propostas para tres barrios da cidade. A actuación máis ambiciosa, a proxectada para Monte Porreiro: máis de 10 millóns de euros para a renovación integral do campo de fútbol, a rehabilitación do centro social coa creación dunha aula TIC, a construción dun novo pavillón de deportes e a rehabilitación das principais rúas.
Outro proxecto que o concello quere incluír nos fondos é o do parque da Parda. Trátase dunha obra en fase de licitación e que suporía o 20% da contía total. Coa súa inclusión, cumpriríase outro requisito dos EDIL: que a mediados de 2027 estean pagados o 20% dos fondos concedidos.
Tamén se incluiría a actuación no barrio da Seca-Valdecorvos, con outro 20% dos fondos.
Finalmente, o resto das axudas serán para solucións TICs municipais.
O concello ten ata o vindeiro 28 de febreiro para presentar a súa solicitude.










