Nace a plataforma ‘Monte Porreiro Quere Avanzar’ para dialogar co concello sobre a humanización da rúa Alemaña

PONTEVEDRA> Un grupo de veciños de Monte Porreiro dan un paso adiante ante a polémica xerada pola proposta do concello de Pontevedra para humanizar a rúa Alemaña. A plataforma Monte Porreiro Quere Avanzar solicitou esta mañá unha reunión co concelleiro de Obras para coñecer de primeira man un proxecto que, adiantan, ven con bos ollos.

Nace en Monte Porreiro a plataforma Monte Porreiro Quere Avanzar. Trátase dun grupo de veciños que reclama ter a súa voz nas conversas sobre o proxecto que o concello de Pontevedra propón para humanizar a rúa Alemaña.

Segundo Abelleira, o seu voceiro, o colectivo nace para sumar e achegar ideas para mellorar a situación do barrio. Por iso hoxe solicitaron no concello unha reunión co edil de obras, para coñecer de primeira man a súa proposta.

A súa postura é ben diferente á manifestada ata o de agora pola asociación de veciños, que presentou 3000 sinaturas contra a proposta de humanización da rúa Alemaña. Recordemos que a idea do goberno local pasa pola creación dunha gran praza peonil nas interseccións da rúa Alemaña coas rúas Grecia e Portugal.

Dende a plataforma ven o proxecto de peonalización como o inicio para un rexurdimento de Monte Porreiro. Un barrio que, aseguran, ten aínda moitas necesidades en diferentes eidos, como o mantemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí