BARBANZA> A próxima licitación por parte da Xunta da concesión da liña que cobre o transporte regular na Barbanza, unha vez resolto o contrato de explotación coa empresa que presta este servizo, é unha das razóns que levou á mancomunidade Barbanza Arousa a presentar unha achega común polos catro concellos para que sexa incluída no prego de condicións do novo contrato e garantir así un bo funcionamento do mesmo.
A proposta que lle trasladaron á Xunta propón establecer dous eixos de actuación para vertebrar a comarca.
O primeiro deles busca crear unha liña rápida que uniría os catro concellos, e posteriormente con Santiago, a través da autovía.
A segunda das achegas formulada pretende establecer unha liña entre os catro municipios pola costa, a través da AC-305, cunha frecuencia de desprazamento elevada.
Dende Barbanza Arousa agardan a que a súa proposta sexa recollida, atendendo así as necesidades da veciñanza da comarca usuaria do transporte público.











