Miles de persoas claman na Pobra contra o proxecto de Altri

A POBRA> Miles de persoas secundaron a manifestación en contra de Altri celebrada este sábado na Pobra. Acompañadas de medio milleiro de barcos, berraron en contra do proxecto da planta de celulosa e tamén da Mina do Touro polo seu impacto ambiental en Galicia.

A chuvia non disuadiu ós miles de manifestantes, 20 mil segundo a Policía e 50 mil en cifras da organización, que berraron este sábado na Pobra en contra de Altri. Chegados de todas partes de Galicia amosaron a súa oposición ó proxecto da macrocelulosa que, din, virá dar a estocada final ó sector do mar.

A mobilización partiu pasadas as doce da mañá dende o peirao comercial cos convocantes á cabeza: PDRA, Plataforma Ulla Viva e Plataforma Mina do Touro-O Pino Non.

Seguidos dunha extensísima marea cidadá por terra e acompañados por máis de 550 embarcacións que secundaron a mobilización por mar, percorreren a distancia ata o recheo onde tivo lugar o acto central. Alí, deron lectura a un manifesto en contra destes dous proxectos industriais que, denuncian, suporán a ruína de Galicia e o seu modelo produtivo.