Dorrón prepárase para celebrar por todo o alto a primeira edición da Festa da Orella

SANXENXO> Dorrón prepárase para celebrar por todo o alto a primeira edición da festa da orella. A cita gastronómica vaise celebra-lo vindeiro 15 de abril e busca traer ata esta parroquia sanxenxina a ducias e ducias de persoas. Ademais de orella, a organización vai servir empanada, polbo ou churrasco. E todo, baixo carpa por se o tempo non acompaña.

Dorrón vaise render ós encantos do porco o vindeiro 15 de abril. A Comisión de Festas desta parroquia de Sanxenxo escolleu a orella como principal reclamo para a  súa primeira festa gastronómica. A cita busca recadar fondos para as súas festas.

Ademais da saborosa orella, a xoldra virá acompañada doutros produtos, como churrasco, polbo e empanada. Todo a prezos populares. Ademais dun bo prato, dende a organización prometen unha xornada con moita diversión, con moita música e actividades infantís.

Para a promoción deste encontro gastronómico, a organización impulsou un concurso de carteis. Ela, María, foi a gañadora, cun colorido debuxo que, segundo explica, recolle á perfección a esencia do evento.

Dende o Concello celebran a boa iniciativa dos veciños de Dorrón porque o evento, ademais, está a unir a toda a parroquia. Así que tomen nota na súa axenda: o 15 de abril, a partir do mediodía, no campo de fútbol de Dorrón.