Mar analizará co sector o impacto dos recortes dos TAC

BARBANZA> Mañá venres celebrarase un Consello Galego de Pesca, no que se analizará máis polo miúdo o acordo de TAC e cotas para 2026 e as súas implicacións para o conxunto da comunidade.

Dende Galicia, tanto a Xunta como o sector critican o recorte comunitario a especies como a xarda ou o lirio. Unha especie esta última ademais con gran peso nas lonxas galegas, especialmente a de Ribeira.

A conselleira do Mar lembrou ademais o papel activo da Xunta durante o proceso negociador, coa achega de informes detallados das consecuencias negativas que os recortes traerán non só para a flota senón tamén para toda a cadea mar-industria.

Por esta razón a responsable de Mar reiterou o compromiso do Goberno Galego de traballar man a man co sector para estudar e artellar medidas que permitan mitigar o impacto destes recortes, defendendo unha xestión dos recursos que combine a sostenibilidade ambiental coa viabilidade económica e social.