CAMBADOS> No 2026, a comarca do Salnés contará coa súa primeira planta de agrocompostaxe. Trátase dun proxecto impulsado por Bodegas Martín Códax, que busca avanzar na xestión sustentable de residuos e na revalorización dos que se producen na viticultura, como o bagazo ou o raspón da uva. A intención é que se abra tamén aos municipios da contorna. A planta estará situada na finca de Pé Redondo, en Meis, e conta co apoio da Deputación de Pontevedra.
Bodegas Martín Códax reservará unha superficie de preto de 5.000 metros cadrados da súa finca de Pé Redondo, no concello de Meis, para acoller a primeira planta de agrocompostaxe da comarca do Salnés.
O obxectivo é poñer en valor subprodutos da actividade vitivinícola como o raspón e o bagazo, que ata o de agora eran considerados como residuos. Tralo seu paso pola futura planta de Pé Redondo, o compost resultante, ao redor de 3.300 toneladas ao ano, volverá ao solo dos viñedos.
Actualmente, Martín Códax está na fase de conseguir as licenzas pertinentes pero o obxectivo é que a planta poida estar operativa no 2026.
O proxecto da adega contempla tamén que esta planta sexa quen de asumir os biorresiduos dos concellos da contorna.
Esta planta de agrocompostaxe de Bodegas Martín Códax conta co apoio da Deputación de Pontevedra, no marco do seu programa de impulso á xestión sustentable de residuos. A administración provincial subvenciona outra instalación semellante en Tomiño, da adega Viñas e Terras do Pazo.










