O Momo de Vilanova, cun ollo posto no ceo

VILANOVA>  O Momo de Vilanova, pendente do ceo. A organización mantén para este domingo a súa programación, cun ollo posto nas previsións meteorolóxicas. Será o venres cando se decida se se celebra esta fin de semana ou se pospón. Xacobe Pérez e o humorista Pepo Suevos actúan este ano como mestres de cerimonias dun gran desfile que arrancará ás 17:00 horas. Como manda a tradición, mantense a incógnita de que personaxe se agocha este ano detrás do Momo, aínda que esta mañá aseguraron que no vídeo promocional que se está a difundir por redes sociais hai xa algunha pista.

Ata o último momento Vilanova tentará celebrar por todo o alto o Momo de 2025. As malas previsións meteorolóxicas poderían obrigar a aprazalo, pero na organización confían en que ao final o tempo acabe acompañando. Ata o venres non tomarán a decisión.

Esta mañá tivo lugar no concello a presentación do que denominaron a festa das festas dos entroidos de Galicia. Xacobe Pérez volve facer de mestre de cerimonias dun evento ao que este ano se suma o humorista Pepo Suevos.

No desfile deste ano agárdase a participación de máis de 40 comparsas, sumando máis de 2000 persoas. Todo, por suposto, nun ambiente moi festivo e ateigado de retranca e personaxes satirizadas. Como no vídeo promocional, non faltarán nin Trump nin a súa dona Melania nin tampouco outro clásico do Momo, o ditador Franco, que volve.

Ademais, dentro da programación do Momo, este venres no multiúsos vaise celebrar unha festa infantil.

E como sempre mantense a incógnita ata o último minuto de quen é a personaxe que encarna o Momo deste ano. A única información que nos deron esta mañá é que no vídeo deste ano hai pistas sobre quen é, aclarando xa que non é ningunha das personaxes que aparecen nesa gravación. Haberá que agardar, polo menos, ata este domingo para desvelar a incógnita.