RIBEIRA> A Asociación de Empresarios de Ribeira sorteará mil euros a gastar nun só día co gallo do día do Pai. A campaña, que conta con preto de 40 negocios participantes, desenvolverase dende este xoves ata o 19 de marzo.
Preto de 40 establecementos participarán na terceira campaña do Día do Pai que pon en marcha a Asociación de Empresarios de Ribeira. Ademais de comercios haberá locais hostaleiros, salóns de perruquería e beleza, talleres mecánicos e representantes dos máis variados sectores.
A dinámica para participar é a habitual nas campañas da asociación. Os clientes deberán rexistrar os seus tickets de compra a través dun código QR na páxina web da entidade. Os que o fagan dende mañá ata o propio día 19 entrarán no sorteo dun único premio de mil euros a consumir nun só día.
O sorteo terá lugar o 20 de marzo na sede da patronal.











