Diversia, Infonet e Compostela Monumental fanse cos Premios PEL da Deputación da Coruña

A CORUÑA> A Deputación da Coruña entregou os premios PEL 2022. As empresas Diversa Technologies, Infonet e a asociación Compostela Monumental fixéronse cos galardóns nas categorías de mellor iniciativa nova, mellor iniciativa consolidada e mellor asociación empresarial.

A quinta edición dos premios PEL que concede a Deputación da Coruña tivo un marcado carácter tecnolóxico xa que as distincións á mellor iniciativa empresarial nova e consolidada recaeron en firmas do sector. O primeiro foi para Diversa Techonologies, unha firma dedicada á biotecnoloxía, nacida no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e que presta un servizo innovador no transporte de moléculas, a través dunha tecnoloxía pioneira no mundo no eido da bioloxía molecular e nanomedicina. A mellor iniciativa empresarial consolidada foi Informática e Networking Compostela S.L.U., unha empresa especializada en computación na nube.

Na categoría de mellor asociación ou clúster empresarial foi a asociación de comerciantes, empresarios e profesionais Compostela Monumental quen se fixo co galardón polo seu labor dinamizador non só do comercio senón tamén do turismo  e do patrimonio ó longo de máis de 30 anos.

Os datos avalan precisamente esa boa xestión situando á provincia da Coruña á cabeza do PIB galego.

Debido ó alto nivel de tódalas candidaturas presentadas, o xurado decidiu tamén distinguir con accésit, dotados con cinco mil euros, ós segundos clasificados en tódalas categorías. Foron o proxecto de AcerArte de Ferrol, promovido por Eva Cayetana Somolinos Olmo, a empresa de pintura Equipos Lagos de Bergondo e a asociación de empresarios Agrela da Coruña.

Por último, outorgáronse os galardóns ós xornalistas e medios de comunicación que contribúen a difundir o potencial económico de Galicia e das súas empresas. Recaeron en Julián Rodríguez, director de Economía Digital Galicia e Gonzalo Cortizo, director de El Diario.es Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí