Rianxo en Común reclama medidas de apoio ó comercio e á hostalería local

RIANXO> Dende Rianxo en Común entenden que manter vivo este sector é fundamental para un municipio, non só polo feito de que ó seu redor pivotan unha serie de actividades sociais que axudan a crear comunidade e a establecer vínculos entre a veciñanza, senón tamén debido a que este sector é dos que xera boa parte do emprego local.

Por esta razón propoñen que o Concello reedite, en febreiro, con algún cambio no seu deseño, a campaña de bonos efectuada recentemente.

Tamén piden que se modifique a Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles coa finalidade de establecer unha bonificación do 90% da cota íntegra do imposto, entre o exercicio 2024 e 2030, a favor de inmobles nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal.

Dende a formación entenden que isto favorecería, ademais, a posta en alugueiro daqueles inmobles que a día de hoxe se atopan baleiros.