Detidas dúas mulleres e un menor por intento de homicidio en Boiro

BOIRO> O ataque, do que se tivo agora coñecemento, produciuse a semana pasada nunha granxa próxima ó domicilio da vítima, na parroquia de Lampón.

Segundo informaron fontes do Instituto Armado os tres implicados, dirixíronse ó lugar, portando coitelos, cos que ó parecer ameazaran á vítima, esixíndolle unha certa cantidade de diñeiro.

Na disputa, o home saíu mal parado, e foi acoitelado no abdome, sufrindo lesións graves polas que tivo que ingresar de urxencia no hospital da Barbanza onde se lle realizou unha intervención cirúrxica.

Tras a agresión, intentaron fuxir nun vehículo de alugueiro, pero foron localizadas polos axentes e finalmente detidas.

Interviñéronlles tres coitelos, ó parecer os que se empregaron no ataque, e outros obxectos como bridas, luvas de látex e cinta, probas todas elas que segundo a propia Garda Civil evidencian a posible premeditación do delito.

Tamén lle retiraron uns sete mil euros en efectivo que ó parecer levaban ocultos.

As dúas mulleres xa ingresaron en prisión tras prestar declaración ante o Xulgado de Instrución Número 3 de Ribeira, e o menor, a petición da Fiscalía, foi  internado nun centro de menores.