Vilagarcía propón mover os postos do mercado ambulante de Arcebispo Lago ao Castro e á Peixería

VILAGARCÍA>  Vilagarcía estuda un traslado temporal dos postos do mercado ambulante de Arcebispo Lago á zona da praza do Castro e ao interior da Peixería. Trataríase dunha reestruturación que viría motivada pola reforma de Conde Vallellano e polas obras do tanque de tormentas detrás da Praza de Abastos. A idea do goberno local é, unha vez rematados estes traballos, recolocar os postos arredor do Mercado. O asunto tratouse na Mesa Local do Comercio, que volverá reunirse dentro de dúas semanas.

Vilagarcía segue a voltas co seu mercado ambulante. Agora, o concello estuda un traslado temporal dos postos que se montan por Arcebispo Lago, polo inminente inicio das obras en Conde Vallellano. O seu destino parece que é volver á zona da praza do Castro e mesmo ao interior da Peixería.

Pero Ravella matiza que esta sería unha reestruturación temporal porque a opción que barallan é o traslado definitivo á contorna da Praza de Abastos. Alí dáse outra circunstacia que impide xa o traslado: as obras do tanque de tormentas no río do Con.

Con todo, esta non é a opción favorita dos vendedores ambulantes. Carou reunirase en breve con eles porque quizáis a semana que vén xa non poderán estar en Arcebispo Lago.

O asunto foi tratado este luns na Mesa Local do Comercio, onde non están representados os ambulantes. Este órgano consultivo volverá reunirse dentro de 15 días para seguir definindo o futuro da feira dos martes e sábados en Vilagarcía.