Meaño faise cun novo camión do lixo e implementará o colector marrón a partir de Semana Santa

MEAÑO> Meaño estrea novo camión do lixo. Trátase dunha nova máquina compactadora con dous compartimentos, o que permitirá facer a recollida do colector verde e do marrón a un tempo. Foi adquirido por máis de 330.000 euros, grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra. No marco desa mesma achega o concello tamén adquiriu uns 140 contedores marróns que se van comezar a repartir entre os establecementos hostaleiros a partir de Semana Santa.

Este é o novo camión compactador de lixo que acaba de adquirir o Concello de Meaño. Permite a un mesmo tempo recoller os refugallos do contedor verde e o marrón.

A súa adquisición supuxo un investimento de 338.000 euros, grazas a unha achega da Deputación de Pontevedra do Plan PON2030. O concello tamén recibiu dentro dese programa outros 15.000 para a implementación no municipio do colector marrón.

Segundo explicou o alcalde de Meaño, o concello adquiriu uns 140 colectores, que se comezarán a repartir en breve.

Do total de 354.000 euros do Plan PON2030, o concello só aportou 53.000 euros. O resto provén de fondos provinciais.