Unha ducia de espantallos compiten en Dena por converterse no rei do entroido de Meaño

MEAÑO> Naceu de xeito espontáneo hai catro anos e agora queren que se converta en toda unha tradición. Son os Espantallos de Entroido de Meaño, unha iniciativa que impulsa a Asociación de Veciños Santa Lucía. Doce propostas do máis variado compiten este ano por facerse con algún dos premios, que se van desvelar nun acto en Dena este vindeiro domingo. Os seus credores botaron man de maña, pero sobre todo de moita retranca e moito humor.

Unha parella de matachíns, un grupo de ximnastas máis ou menos en forma, este home que recorre a unha Interviú para pasar o tempo como mellor pode ou estes veciños que amañan o mundo mentres botan a partida. Son só algúns exemplos do museo ao aire libre do que pode presumir estes días o concello de Meaño. O municipio prepárase para a terceira edición do seu concurso de Espantallos de Entroido, ao que nesta ocasión concorren 12 candidaturas.

Detrás desta proposta está a Asociación de Veciños Santa Lucía de Dena. O colectivo leva tres anos organizando esta cita do entroido que ten unha curiosa orixe. Nesta praza hai agora catro anos apareceron pendurados polo entroido dous mecos, que ninguén sabe quen fixo. Partindo de aí chegou o resto.

E dende aquela a resposta está sendo moi boa. Na asociación salientan que este concurso consegue mobilizar xente de todas as idades, algo moi positivo para que isto se acabe convertendo en toda unha tradición.

E para animar a participación, a asociación pon en xogo tres premios.

Do veredicto encargarase un xurado, do que todo o mundo -agás na directiva- descoñece a súa identidade.

Os gañadores daranse a coñecer este vindeiro domingo, á unha do mediodía, nun acto na praza Nova de Dena, onde xa se poden visitar os espantallos.

Ademais da entrega de premios, o evento incluirá un petisco para todos os asistentes e animación musical cun DJ. Dende a entidade organizadora fan un chamento a toda a veciñanza a acudir con disfraz para facer máis aínda máis festa entre todos.