PONTEVEDRA> Hoxe en Pontevedra celebrouse unha nova reunión do comité organizador da gran cita deportiva que neste mes de xuño acollerá a cidade: o Campionato do Mundo de Tríatlon Multideporte. As cifras avalan a súa relevancia: está prevista a participación de máis de 4.000 deportistas e a chegada de máis de 15.000 visitantes á cidade. Para facela posible, as administracións e entidades colaboradoras achegarán un orzamento de 2,9 millóns de euros.
Pouco máis de tres meses quedan para que Pontevedra volva coroarse como a capital mundial do tríatlon. Do 20 ao 29 de xuño a cidade acollerá o Mundial Multideporte desta disciplina, que engloba os campionatos de ata seis modalidades deportivas. Non é algo novo para a cidade, que xa acolleu este mundial no 2019.
Hoxe celebrouse unha nova reunión do Comité Organizador. Desta volta, centrouse nos diferentes asuntos económicos. Non en van, o orzamento ascende aos 2,9 millóns de euros. Desta contía, as inscricións cubrirán preto dun 25%.
A cita volverá contar co apoio da Deputación e da Xunta de Galicia. As dúas administracións manifestaron a súa vontade de colaborar economicamente. Mesmo dende o goberno autonómico agardan incrementar a partida a través de Turismo de Galicia.
No 2019, o mundial contou cun orzamento de 1,3 millóns de euros. Neste 2025, ademais do incremento xeneralizado dos prezos, a cita contará con máis probas deportivas.