MORAÑA> A unitaria de Lamas, no concello de Moraña, busca rapazada para evitar o peche. A escola infantil precisa que se matriculen dous nenos para o próximo curso antes deste xoves. Se non o conseguen, a Xunta pechará o centro. A mestra fai un chamamento ás familias a que aposten polo modelo educativo que se ofrece neste tipo de escolas, moito máis próximo e apegado á contorna.
Entramos na escola infantil de Lamas, no concello de Moraña, xusto á hora da merenda e a piques de saír xogar ao patio. Nesta unitaria hai seis nenos e nenas, dos que varios van marchar ao rematar este curso. Así que o problema está de cara ao ano que vén: faltan dous pequenos para chegar ao mínimo preciso para estar aberta.
A situación é especialmente delicada porque o prazo para matricular a rapazada remata este xoves. A mestra fai un chamamento ás familias para que aposten por este centro.
Noelia recoñece que este tipo de centros teñen algunhas desvantaxes pero, pola contra, pon en valor o modelo educativo que aquí se imparte, adaptado ás necesidades de cada neno, próximo e apegado á contorna.
A rapazada dá boa conta do ben que o pasan neste espazo. Entre eles hai unanimidade en que o mellor de vir a esta unitaria é poder xogar ao aire libre.
Pero o apego á contorna, da que nos fala a profe, vai moito máis alá. Por exemplo estes días están descubrindo os segredos do concello de Moraña. Os nenos amósannos orgullosos un mapa que fixeron coas parroquias, o escudo do concello que pintaron e tamén estes menhires, actividade na que estiveron traballando hoxe.
Logo de crear o seu propio menhir, a rapazada encargouse de limpalo todo. Volvemos ao patio, onde teñen moito que facer recollendo as follas que caeron co vento estes días. Noelia, a mestra, aproveita para reflexionar sobre as experiencias que poden vivir aquí os pequenos fronte un colexio grande. Tamén a importancia que teñen aquí as familias.
Noelia leva tres anos nesta unitaria. Antes estivo na de San Lourenzo, tamén en Moraña, que logrou non pechar matriculando alí á súa filla. Logo de salvar aquel cole vaino intentar con este centro que, cousas da vida, é a primeira vez na súa historia que se atopa nesta situación.