A Gala Meisinas e Meisinos do Ano incluirá unha homenaxe póstuma a Paco Outeda, referente do motor

MEIS> Meis recoñecerá nove persoas ou entidades na quinta edición da Gala Meisinas e Meisinos do ano. Entre eles, o bailarín de Paradela Rafael Martínez, varios deportistas, a adega Terras de Asorei ou a Asociación Cultural A Vertula, que celebra o seu 50 aniversario. Precisamente a Banda da Vertula será a encargada de animar a velada. Un evento que se vai celebrar o vindeiro 5 de abril.

Trátase dun evento xa clásico no concello de Meis, moi agardado pola veciñanza. Falamos da Gala das Meisinas e Meisinos do Ano, que acada xa a súa quinta edición. O evento vaise celebrar o 5 de abril no auditorio municipal, como é habitual, baixo a batuta de Terio Carrera e animación musical.

Nesta ocasión o concello recoñece ata nove persoas ou entidades que destacaron neste último ano polo seu labor. En canto a colectivos, reciben recoñecemento a Asociación de Mulleres Rurais O Marco de San Salvador e a Asociación Cultural A Vertula, nos seus 50 anos de vida.

Tamén serán homenaxeados o bailarín de Paradela Rafael Martínez, o escritor Xaquín Núñez ou a moza Blanca Martínez, que acaba de facerse cunha importante beca. Teñen un protagonismo especial os deportistas, con tres recoñecementos: Quico Rodríguez, xogador invidente de esgrima; o futbolista Marcos Blanco ou Erike Martínez, promesa do lanzamento de martelo.

Tamén será recoñecida a adega Terras de Asorei logo de que os seus escumosos foran galardoados como os mellores de España. A gala incluirá tamén unha homenaxe a Paco Outeda, Meisino do Ano na primeira edición, referente do automobilismo e falecido hai uns meses.