O alumnado do obradoiro de almacén do Salnés aprende en vivo a realidade do sector na empresa REYVI

MEIS> O alumnado do curso de almacenaxe do obradoiro de emprego da Mancomunidade do Salnés visitou esta mañá a empresa REYVI, asentada en Meis. Alí coñeceron de primeira man como é o funcionamento dun centro loxísitico e de distribución. Un total de 15 alumnos e alumnas están a participar nesta acción formativa do organismo comarcal, que está chegando xa á súa recta final logo de 80 horas de formación.

A empresa comercial REYVI, situada en Meis, é un referente na provincia de Pontevedra no eido da loxística e a distribución. Esta mañá visitaron as súas instalacións o alumnado do  obradoiro de almacén que forma parte do programa integrado de emprego da Mancomunidade do Salnés.

Na visita desta mañá puideron coñecer as distintas tarefas e funcións de almacén, dende a recepción das mercadorías e o seu inventariado ata o seu almacenamento ou a preparación de pedidos. O curso ten unha duración de 80 horas e encara xa a súa recta final. Nel están a participar 15 persoas, cunha presenza feminina que do 27%. Agora poderán facer prácticas reais en empresas da zona.

Na visita salientaron o perfil amplo que se consegue a través destas accións formativas, o que permite dar resposta á alta demanda de traballadores en empresas da comarca.

Logo deste curso, a Mancomunidade prepárase xa para as súas vindeiras accións formativas. Este martes organizan un curso de manipulación de alimentos e a partir do día 17 porase en marcha un curso de contabilidade cunha duración de 100 horas.