Desartellado un punto de venda de droga en pleno centro da Pobra

A POBRA> A Garda Civil de Boiro desartellou un punto de venda de drogas en pleno casco urbano da Pobra. A operación, denominada Sant Shimon, saldouse cun detido ó que se lle interceptaron máis de mil doses de heroína.

As denuncias veciñais puxeron á Garda Civil sobre a existencia dun punto de venda de substancias estupefacientes en pleno casco urbano da Pobra.

Tras comprobar a constante trasfega de toxicómanos na zona, os axentes interceptaron a un individuo xusto despois de que adquirise gran cantidade de droga para a súa distribución.

No momento da detención, portaba 1.118 doses de heroína que se suman ás máis de 150 incautadas nos posteriores rexistros domiciliarios xunto con diñeiro en efectivo e unha báscula de precisión.

Tras pasar a disposición xudicial no Xulgado de Garda de Ribeira o detido quedou en liberdade provisional coa obriga de comparecer en sede xudicial os días 1 e 15 de cada mes.