Guille segue sen poder ir a clase con normalidade pola falla dun coidador

NOIA> A pesar do compromiso adquirido pola Xunta, o IES Campo de San Alberto segue sen contar con coidador para Guille. Este alumno, con discapacidade superior ó 80 por cento, tan só conta con este recursos dúas horas ó día posto que está compartido co CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso.

Tras permanecer máis dun ano recuperándose dun grave accidente de tráfico, Guille volvía este ano ó instituto. Facíao no IES Campo de San Alberto con tódalas garantías de contar cun coidador a tempo completo, xa concedido dende o mes de maio. Non foi así e o primeiro día de clase, tanto o centro como a familia topáronse con que debería compartir este recurso co colexio da Barquiña. En principio, tratábase dunha medida temporal polo que estaba previsto que hoxe se incorporase o seu coidador definitivo; algo que tampouco sucedeu.

O equipo directivo xa se puxo en contacto con Inspección Educativo para reclamar a incorporación inmediata dun coidador que permita a Guille asistir con normalidade a clase e avanzar na súa integración cos compañeiros. Ata o de agora, era seu pai o que se encargaba de acompañar a Guille durante case toda a xornada lectiva posto que só conta coa coidadora da Barquiña durante dúas horas.

E así será ata que a Consellería de Educación dote ó centro dun recurso que por lei lle pertence garantindo así a plena inclusión de Guille.