BARRO> Sete novos emprendedores recibiron hoxe as chaves dos seus novos espazos no viveiro de empresas do Polígono de Barro. Trátase de naves e oficinas que cede a Deputación de Pontevedra para que estes proxectos poidan desenvolverse. Os beneficiarios poderán madurar o seu negocio nestas instalacións como mínimo durante un ano, contando con asesoramento técnico.
Son proxectos que pertencen a sectores estratéxicos para a provincia de Pontevedra, como a construción, as enerxías limpas ou a cadea mar-industria e que agora collerán impulso dende o polígono de Barro. Esta mañá sete iniciativas empresariais emprendedoras recibían da Deputación de Pontevedra un espazo no viveiro de empresas.
Os proxectos beneficiarios dispoñen agora neste viveiro dunha nave ou oficina para o seu desenvolvemento inicial a un prezo reducido durante un ano, con posibilidade de dúas prórrogas anuais adicionais, e con asesoramento técnico.
Coa entrega dos espazos a estes sete emprendedores, nestes momentos no viveiro de empresas de Barro están ocupadas as 16 naves e 18 das 24 oficinas, mentres que tamén están libres tres prazas no espazo de coworking. O presidente provincial tamén salientou os bos datos de ocupación do polígono.











