BARRO> Duro golpe o que sufriu a finais da semana pasada a cooperativa vitivinícola Viña Moraima, do concello de Barro. Na mañá do venres os socios atoparon cortadas máis de 900 cepas dun viñedo próximo ás súas instalacións. Algunhas delas, centenarias. Non saben quen está detrás destes feitos, que xa foron denunciados ante a Garda Civil. Cifran as perdas causadas en máis de 100.000 euros.
Case un milleiro de cepas totalmente cortadas é o panorama que o venres se atoparon os socios da cooperativa Viña Moraima, no concello de Barro.
Dende a cooperativa están convencidos de que non foi un traballo sinxelo. Non desconfían de ninguén pero si pensan que houbo máis dun implicado.
O acontecido é un duro golpe para a adega. A nivel económico, suporalles unha perda de máis de 120.000 euros, pero o valor das cepas centenarias é incalculable.
Xa o propio venres presentaron denuncia ante a Garda Civil. Confían en que alguén poida achegar algunha pista que sirva para dar cos responsables. Mentres, os socios xa pensan en como superar esta sabotaxe e seguir traballando para levar Viña Moraima adiante.