RIBEIRA> O executivo ribeirense avanza na mellora da accesibilidade con obras en diversas parroquias. En Aguiño, estase a acometer a pavimentación da rúa Francisco Lorenzo Mariño que inclúe ademais medidas de calmado de tráfico para incrementar a seguridade viaria.
Responsables do executivo municipal visitaron esta mañá as obras que se están a acometer na rúa Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño. Os traballos de pavimentación, que supuxeron un investimento de 160 mil euros, avanzan a bo ritmo polo que quedarán rematados esta semana tan só pendentes do posterior pintado da sinalización.
Este investimento vense sumar a unha serie de actuacións na parroquia de Aguiño que, en total, superan os dous millóns de euros de investimento. Entre elas, a nova sede do club de remo, a reforma do conservatorio ou outras obras menores de dotación de servizos.
Está previsto tamén que nas próximas semanas comece a pavimentación da rúa Castelao, un proxecto herdado do anterior goberno pero que non contaba con suficiente dotación orzamentaria.
Tamén se executará a pavimentación na rúa Praia da Ribeira e a renovación do abastecemento na rúa da Cerca.