Pontevedra deixa correr o 2021 na súa San Silvestre máis silvestre

PONTEVEDRA> Hoxe moitos despediron o 2021 e déronlle a benvida ao ano novo correndo. Na cidade de Pontevedra centos de persoas participaro hoxe na popular San Silvestre. Unha carreira que este ano fixo honor ao seu nome, cunha edición do máis silvestre, pola Xunqueira de Alba. Houbo 17 saídas, con 150 persoas por cada quenda. Todas, por suposto, con máscara e algún que outro ataviado tamén cun disfraz ou un gorro de Papa Noel.

Son as 10 e 20 da mañá e na Xunqueira de Alba de Pontevedra fai xa os últimos estiramentos o primeiro grupo de 150 persoas que participan este ano na San Silvestre. Como eles, outras 16 saídas máis ao longo de todo o día, ata supera-los 2.200 participantes.  Este ano, a proba viviu a súa edición máis silvestre, cun percorrido especial pola pandemia fóra do centro da cidade.

Neste grupo dos máis madrugadores atopamos fieis de tódolos anos, pero tamén moitos debutantes que queren deixar correr, nunca mellor dito, este 2021 que tantos desgustos nos deu. E ademais, agora co desafío de correr coa máscara.

O alcalde da cidade, foi o encargado de da-lo bucinazo de saída a este primeiro grupo. El tamén se sumou, sen présa pero sen pausa a completa-lo circuito de case 3 quilómetros. Pero o que chegou de primeiro foi Eloy. Veu de Vigo e tomou a carreira como un adestramento máis.

Por detrás de Eloy foron desfilando por esta meta tódolos demais. Algúns satisfeitos por ter completado o desafio. E outros encantados co novo circuito silvestre.

Xa ven, eles si que saben entrar co bo pé e, ademais, a fume de carozo neste ano novo ó que só lle pedimos que non nola xogue tanto como este 2021 ao que por fin dicimos adeus.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí