Meaño quere recuperar o esplendor da Romaría de San Bieito ‘O Negro’

MEAÑO> En Meaño están decididos a que a romaría de San Bieito de Palermo de Cobas, máis coñecido como ‘O Negro’, volva gozar do esplendor que tiña no pasado. Un grupo de veciños quere recuperar esta festividade relixiosa, na que antes participaban milleiros de romeiros. A cita vai ser o Martes de Pascua, o vindeiro día 22, con programación relixiosa e festiva durante toda a xornada. A veciñanza fai un chamamento a participar no San Bieito ‘O Negro’ como un xeito de manter vivas as nosas tradicións e identidade.

En tempos seica en Cobas, no concello de Meaño, a romaría do San Bieito de Palermo reunía a milleiros de devotos. A festa foi pouco a pouco vindo a menos, pero agora un grupo de veciños están a traballar para que a festividade de San Bieito ‘O Negro’ volve gozar do esplendor que tiña no pasado. Detrás desta iniciativa está a Asociación Cultural Santa Cristina de Cobas.

E para recuperar esas tradicións e manter viva a nosa identidade, a organización está a preparar unha intensa programación para o Martes de Pascua, que este ano é o vindeiro 22 de abril. Ademais da parte relixiosa, con misas á mañá e á tarde e a procesión coa Banda de Gaitas Con do Xido, haberá inchables para a rapazada, as tradicionais poxas e, por suposto, unha polbeira.

Na presentación desta romaría, participou tamén o alcalde de Meaño. Carlos Viéitez felicitou á organización por este gran esforzo de tentar devolverlle o esplendor a esta romaría do San Bieito de Palermo de Cobas.

Así que xa saben, se o Luns de Pascua devotos e festeiros temos unha cita na romaría das Cabezas, o Martes tampouco podemos faltar á do San Bieito de Palermo, de Cobas.