MEAÑO> A Mancomunidade do Salnés, disposta a liderar a transformación do turismo intelixente. O ente presentou esta mañá o proxecto DTI, unha iniciativa financiada con máis de 1,18 millóns de euros de fondos europeos. O obxectivo é crear un espazo de datos compartidos para coñecer o comportamento dos visitantes, mellorar a súa experiencia diversificando a oferta e distribuíndo os fluxos e xestionar de xeito sustentable recursos estratéxicos como a auga.
Dixitalizar os procesos turísticos dos nove concellos do Salnés. É o obxectivo do proxecto DTI O Salnés, desenvolvido pola Mancomunidade, co que o ente aposta por liderar a transformación do turismo intelixente.
No marco deste proxecto, a Mancomunidade está a dotarse de infraestruturas tecnolóxicas avanzadas e un ecosistema de datos compartidos, integrándose na rede nacional de Destinos Turísticos Intelixentes impulsada por Segittur. Unha aposta que posiciona O Salnés como modelo de referencia.
Deste xeito, o DTI O Salnés permitirá coñecer mellor o comportamento dos visitantes. Algo que, apuntan, axudará a mellorar a súa experiencia diversificando a oferta, distribuír os fluxos turísticos e xestionar de maneira máis sustentable os recursos estratéxicos como a auga.
O proxecto desenvolveuse cunha achega de 1,18 millóns de euros de fondos europeos, dirixida á implantación de infraestruturas tecnolóxicas. Hoxe foi a súa posta de longo, coa presentación da nova web turística, o módulo de xestión intelixente da auga, o data lake e a nova marca e identidade do proxecto.











