María Rivas fai balance dos investimentos do Goberno Central en Lousame

LOUSAME> En Lousame, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, foi recibida no Concello pola alcaldesa, Teresa Villaverde.

Xa no interior da casa consistorial mantivo un encontro coa rexedora, no que tamén participaron varios membros do goberno e o voceiro do Partido Socialista, Juan José Prego.

Na xuntanza fíxose un repaso os investimentos do Goberno Central na localidade, que superan o medio millón de euros, con actuacións encamiñadas á redución da contaminación lumínica e a mellora da eficiencia do alumeado público, a través do IDAE ou para a musealización dixital e a adecuación do edificio histórico das minas de San Finx.

A subdelegada aproveitou a visita para anunciar que Lousame será tamén un dos 51 concellos de menos de 10 mil habitantes da provincia que se van beneficiar do programa para ampliar a conectividade 5G no rural, un programa que conta cun investimento de 9,3 millóns de euros.

Posteriormente María Rivas visitaba tamén o CEIP Plurilingüe de Outes polo seu compromiso coa economía circular e o coidado do medio ambiente, que lle valeu o recoñecemento do Ministerio de Educación como un dos 10 centros educativos máis sostibles de España.