VILAGARCIA> O barrio do Piñeiriño, en Vilagarcía, pon en marcha a segunda edición do Solifest. Trátase dunha iniciativa impulsada pola asociación de veciños a favor da Amencer-Aspace, que ten a sede neste barrio. A cita vai ser este domingo, cun completísimo cartel que animará a rúa Camilo José Cela dende o mediodía. Na organización agardan superar o éxito do ano pasado, tanto de público como de recadación solidaria.
A asociación de veciños Breogán, do barrio do Piñeiriño de Vilagarcía, impulsa a segunda edición do seu Solifest. Vaise celebrar este domingo dende as 12 da mediodía. Dende a organización agardan superar o éxito do ano pasado, cando se superaron todas as expectativas.
Para este segundo ano a cousa promete ir a máis, cun cartel do máis completo e, segundo indican dende a asociación, coa implicación de mais veciñanza. O festival inclúe un espazo gastronómico e tamén varios postos. Todo o recadado irá destinado para Amencer-Aspace, centro que atende a persoas con parálise cerebral e outras patoloxías, que está asentado neste barrio.
A recadación do ano pasado permitiu a esta entidade facerse con este sistema de comunicación alternativo, un rato ocular que permite comunicarse a persoas que non teñen esa posibilidade. Para este ano, xa teñen pensado a que van destinar os fondos.
O Concello de Vilagarcía colabora de novo con este festival, ao que se suma nesta segunda edición a Deputación de Pontevedra.
Varios establecementos do barrio están a colaborar xa na recadación solidaria. O vindeiro domingo haberá tamén petos solidarios no propio festival. Dende a asociación de veciños Breogán xa confirmaron que haberá terceira edición, convencidos do éxito deste domingo.